sábado, 26 de abril de 2014

Spaguettis á carbonara con baicon e champiñóns Portobello

Por fin chegou a fin de semana! E con que gañas se colle despois dunha longa semana de traballo, verdade? Hoxe tráiovos unha receta moi sinxela e rápida de facer, así poñédesvos as botas sen botar horas na cociña.

Spaguettis á carbonara con baicon e champiñóns Portobello (2 persoas):

-200 gramos de spaguettis
-100 gramos de baicon
-250 gramos de champiñóns Portobello
-100 gramos de nata para cociñar
-50 gramos de queixo parmesano
-Media cebola

Poñemos a ferver os spaguettis cun chorriño de aceite de oliva e un pouco de sal nunha pota durante 20 minutos aproximadamente. Mentres, picamos a cebola moi miudiña e pochámola nunha tixola a lume lento. Cando estea pochada, engadimos os champiñóns Portobello cortados en láminas. Cando estes estean feitos, botamos o baicon e salteamos todo.

A continuación, engadimos a nata para cociñar ó salteado pouco a pouco, para que vaia espesando. Acto seguido, engadimos o queixo parmesano e deixamos que se funda.

Cando os spaguettis estean feitos escorrémoslles a auga e volvémolos deixar na pota. A continuación, engadímoslles a mestura que fixemos e dámoslles un par de voltas a lume lento. E voilà... xa temos o prato feito!

Se queredes, podedes poñer un pouco de parmesano raiado nos spaguettis: está boísimo!


Que aproveite!!!!!!!!!

xoves, 24 de abril de 2014

Os cogomelos e a operación bikini

Xa estamos rematando abril e o verán está a volta da esquina (aínda que en Santiago non o pareza). Así é que tódalas revistas de moda xa nos comezaron a meter na cabeza a súa clásica "operación bikini, como perder X quilos en tempo record".

Para os que vos apuntastes ó ximnasio, os que comezastes unha dieta e os que vos da absolutamente igual a dichosa operación bikini... prestade atención a este post! Porque os cogomelos, ademais de estar boísimos de calquera maneira, son moi sanos.

¿Cales son os seus principais beneficios?











-Para os que estades a dieta: son baixos en calorías e non teñen graxas!
-Para os que tedes que coidar o voso colesterol: non teñen colesterol!
-Para os celíacos: non teñen gluten!
-E ademais aportan nutrintes moi importantes: potasio, selenio, vitaminas B2, B3, D...

Ricos e sanos... Estánsevos esgotando as excusas para non comer cogomelos!





luns, 21 de abril de 2014

Risotto de cogomelos e xamón serrano

Despois de múltiples excesos durante toda a Semana Santa entre rosca e ovos de Pascua, hoxe toca prato rico: Risotto de cogomelos e xamón serrano (está de vicio).

INGREDIENTES (2 persoas):
-Unha taza ou vaso de arroz risotto
-Media cebola
-Unha culler sopeira de manteiga
-100 gramos de xamón serrano
-Un chorriño de viño branco para cociñar
-Caldo de polo
-250-500 gramos de champiñóns
-100 gramos de nata para cociñar
-50 gramos de queixo parmesano

Nunha pota antiadherente botamos unha culler sopeira de manteiga e deixamos que se quente. Acto seguido engadimos a cebola picada e, cando esta estea pochada, botamos os champiñóns. Por último, botamos o xamón serrano e salteamos todo.

Ó mesmo tempo que pochabamos a cebola e os champiñóns temos que poñer a ferver auga con caldo de polo nun cazo pequeno.

Cando teñamos a cebola, os champiñóns e o xamón feitos, engadimos á pota o rissotto e salteamos todo durante uns minutos. Por último, botamos un chorriño de viño branco.

Agora imos engadindo a auga do cazo á pota (podemos empregar unha culler sopeira). Podemos botar dúas culleiradas e esperar a que o risotto as absorba e repetir esta acción as veces que sexa necesario, ata que o rissotto se faga. 

Por último, engadimos a nata para cociñar e o queixo parmesano. Removemos outros cinco minutos... e voilà! 



Este foi o último risotto que fixen. Estaba boísimo! ata o comín en bocata...

mércores, 16 de abril de 2014

A cultura popular galega e os cogomelos

Que facemos cando queremos comer cogomelos? Imos ó supermercado e mercámolos, así de sinxelo e rápido. Pero antes non era así, había que ir apañalos ó monte. Como vos ensinei na publicación anterior, hai varios tipos de cogomelos: velenosos, tóxicos e comestibles. Comer o cogomelo equivocado pode pasarnos factura e isto sabíano moi ben os nosos devanceiros.
Este respecto polos cogomelos reflíctese en múltiples ditos ou refráns. Deixovos aquí uns cantos que recolectei da Wikipedia:


-Vale máis fungo perdido que comido.

-Fungo regalado con discreción tiralo.

-O que de cogomelos se farta, non lle ten medo a morte.


                                                                 www.naturarla.es


-O fungo bo, pronto deixa de selo.

-Se queres morrer, a cegas fungos coller.

-Dun erro, faise un enterro.

-Moito tes que saber para cogomelos comer.

                                                           La Vanguardia ACN/Mar Martí

domingo, 13 de abril de 2014

Cogomelos velenosos

Existen tres tipos de cogomelos: os comestibles, os tóxicos e os velenosos. Lóxico, verdade? 

Comprar cogomelos no supermercado é moi cómodo, pois normalmente xa veñen limpos, cortados e envasados. O único que temos que facer antes de cociñalos é lavalos e, no caso de que así o queiramos, cortalos en anacos máis pequenos. A única pega que lle podemos poñer ós supermercados é a variedade: non teñen moitas clases de cogomelos. Aquí comeza o problema:

Onde podo conseguir máis tipos de cogomelos --fora dos típicos champiñóns, cogomelos boletus ou champiñóns portobello--?

A opción máis "aventureira" é ir apañar cogomelos ó monte durante o outono pero, cales son comestibles? É sinxelo diferencialos? Distinguir que cogomelos son comestibles e cales non require tempo e experiencia. Para comezar, déixovos aquí algúns exemplos de cogomelos comestibles, tóxicos e velenosos; cuns enlaces para que poidades ver aínda máis.


                                          Cantharellus cibarius (www.cestaysetas.com)


                                          Amanita muscaria (www.cestaysetas.com)


                                          Amanita phalloides (www.cestaysetas.com)

mércores, 9 de abril de 2014

Recetas con cogomelos

Que bos están os cogomelos! Pódense facer case con calquera cousa: acompañando á pasta, á carne, revoltos con ovo e allo, misturados con vexetais... Non tes excusa para non cociñalos! Bueno si, tes unha: que non che gusten os cogomelos. Pero como hai tantos, malo sérá que algún non che faga sonar as tripas.

Por exemplo, a min encántame facer --máis ben comer-- lasaña de polo con vexetais e champiñóns. É moi doada de facer, só tes que dorar o polo á sartén con cebola e allo e logo engadirlle os vexetais --eu bótolle berenxena, calabacín, pemento e tomate-- e os champiñóns. Recorda que os cogomelos botan moita auga ó cociñalos e reducen moito o seu tamaño. Así que non te preocupes se parecen moitos champiñóns despois de lavalos, logo reducen. E como din os nosos avós: vale máis que sobre que que falte!

Como eu son unha "amateur" na cociña, déixovos aquí dous enlaces: un contén dez recetas con cogomelos e outro doce. Eu xa probei algunhas, a que esperas?

E para rematar... o postre!



Pero disto xa falaremos outro día!


martes, 1 de abril de 2014

Os cogomelos máis comúns nos montes galegos

Galicia é terra de cogomelos. Os cogomelos cobren, xunto coas follas caídas das árbores, os montes galegos durante o outono. Os amantes do reino dos fungos adéntranse nos montes para buscar cogomelos comestibles, recollelos e cociñalos. Para isto, é fundamental coñecer cales son os cogomelos máis comúns nos montes da nosa comunidade, onde podemos atopalos, como temos que arrincalos do chan e, por suposto, se son comestibles ou non.

O reino dos fungos é inmenso pero, como todo, hai que comezar pouco a pouco. Por iso, déixovos un enlace a un artigo de La Opinión de A Coruña onde se presentan os cogomelos máis comúns dos montes galegos, xunto coas súas fotos. Se queres saber como son e onde se atopan os cogordos, os níscalos ou os cantarelos, dalle click a este enlace.

Hoxe tamén me gustaría compatir unha pequena anécdota que recordo con cariño. Tódolos outonos, cando estaba a cursar Primaria, a miña profesora de inglés traíanos cogomelos que ía recoller ó monte para ensinárnolos e contarnos cousas acerca deles. A cestiña na que os transportaba percorría tódalas mesas da clase mentres nós mirabamos entre asustados e curiosos aqueles cogomelos que nos recordaban a David el Gnomo.

Algúns dos cogomelos que traía eran tremendamente curiosos e, para que tódolos alumnos os puideran ver, colocábaos durante uns días no xardín da escola. Un dos cogomelos máis chamativos que nos ensinou foi o peido de lobo:

Imaxe extraída da Galipedia

Despídome con este refrán que atopei na Galipedia, na entrada adicada ós peidos de lobo:

"Meniño encetado, auga da fonte e po de peido de lobo".

Este refrán, tal e como se explica na Galipedia, refírese ás propiedades terapéuticas deste fungo. Aplicábase sobre as feridas coma antibiótico e cicatrizante.